Friday 17 de May de 2024

Arranca o procedemento de contratación da última fase das obras de mellora da travesía de Sísamo por 2,2 millóns


A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o inicio do expediente de licitación do proxecto de pavimentación do núcleo do Vilar do Carballo (Oza)

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o inicio do procedemento de contratación da terceira e última fase do proxecto de reforma integral da estrada provincial DP 1901 Carballo-Sísamo. As obras teñen un orzamento de 2.279.527,63 euros, financiados nun 72% pola Deputación da Coruña e nun 28% polo Concello.
As obras de reurbanización parten do punto quilométrico 0+810 (final da segunda fase), no entronque co acceso ao instituto de Monte Neme, e continúan ata o final do vial no lugar de Outeiro (PK 2+570), mellorando e completando as infraestruturas de abastecemento e saneamento de auga tanto no tramo máis urbano coma no rural e adaptando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.

As obras seguirán a mesa liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidraúlica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de acero inoxidable. Tamén inclúen a instalación de mobiliario urbano e o axardinamento.

Pavimentación no Vilar do Carballo
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o contrato administrativo das obras de mellora da pavimentación do lugar de Vilar do Carballo, na parroquia de Oza. O proxecto prevé o acondicionamento da rede viaria con formigón, seguindo o modelo que estamos a implantar nos núcleos rurais tradicionais, cun orzamento de 210.015,14 euros.